Trátase dunha iniciativa de colaboración entre a Asociación
Española contra o Cancro en Vigo e GALARIA. Solidaria
e gratuíta, a acción será atendida polo voluntariado da AECC nas salas de
espera de Radioterapia do centro
Tras máis de dous anos de parón debido á pandemia, o
Hospital Meixoeiro de Vigo dá a benvida de novo ao servizo do «Carriño Don
Amable», un novo paso no proceso de humanización que vén desenvolvendo GALARIA
nesta área, seguindo criterios de economía circular e responsabilidade social.
Trátase dunha iniciativa solidaria e gratuíta da Asociación Española contra o
Cancro en Vigo, en colaboración coa Empresa Pública de Servizos Sanitarios, que
é atendida polo seu voluntariado nas salas de espera de Radioterapia do centro.
Inaugurouse o pasado día 8 de xuño, e estará activo de luns
a venres en horario de 10 a 13 horas. As persoas voluntarias percorrerán co
«Carriño Don Amable» esta área do hospital Meixoeiro ofrecendo bebidas e
alimentos autorizados polo persoal asistencial do centro. Nesta etapa,
incorporáronse novos protocolos para garantir a máxima seguridade para
pacientes, familiares e voluntarios/as.
Esta iniciativa busca que os pacientes oncolóxicos/as e as
súas familias teñan unha maior calidade de vida, ademais de informarlles sobre
os programas e servizos gratuítos da Asociación, escoitándoos e ofrecendo
axuda.