O Sergas impulsa o primeiro ensaio clínico con medicamentos CAR-T en Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., Rocío Mosquera, e o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol, asinaron un convenio de colaboración para impulsar o primeiro ensaio clínico con medicamentos CAR-T de Galicia.

Grazas a este acordo, Sergas, Galaria e Clínic traballarán xuntos nun ensaio clínico pioneiro en Galicia, que se desenvolverá no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e que ten como obxectivo estenderse a outros centros asistenciais da comunidade. Tal e como destacou García Comesaña na súa comparecencia, “hoxe sentamos as bases para desenvolver o primeiro ensaio clínico dunha terapia CAR-T en Galicia para tratar cancros oncohematolóxicos. Apostamos, polo tanto, por esta nova xeración de fármacos de inmunoterapia avanzada no que significa un chanzo importante na atención personalizada a estes pacientes”.

Esta terapia, na que o partner do Sergas neste convenio é especialista, sérvese de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unha taxa de resposta do 80%, e pode conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais. Neste senso, a propia American Society of  Clinical Oncology recoñeceu o alto potencial das terapias CAR-T como “avance do ano”.

Ao respecto, o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol, gabou a aposta da Xunta por avanzar nestes tratamentos innovadores e o desenvolvemento do futuro Centro de Produción de Medicamentos  CAR-T de Galicia; relatando a súa experiencia en ensaios clínicos pioneiros na materia e amosando o seu compromiso a traballar xuntos a partires deste convenio.

O conselleiro de Sanidade indicou que, grazas a este convenio por catro anos, “damos un paso máis na nosa aposta por situar a Galicia na vangarda da investigación e da produción  de tratamentos avanzados; esforzos que plasmaranse na posta en marcha do Centro de Produción de Medicamentos CAR-T”, que segundo as súas previsións estará operativo ao longo do primeiro semestre de 2022.

Ubicado en Santiago de Compostela en virtude do acordo asinado coa Universidade de Santiago o pasado mes de maio, contará tamén cunha Unidade de Investigación que levará a cabo proxectos que permitan o impulso de novas terapias celulares, que serán elaboradas no centro de fabricación e posteriormente aplicadas aos pacientes do sistema sanitario público.